Thursday 16 de May de 2024

Máis de medio cento de persoas asisten á primeira sesión teatralizada sobre Rosalía no adro da igrexa de Bastavales


Durante 45 minutos, a compañía “Os Quinquilláns” percorre o lugar interactuando co público, salientando o vínculo de Rosalía con Brión e relatando pasaxes da súa vida e obra

Máis de medio cento de persoas asistiron á primeira visita teatralizada ao adro da igrexa parroquial de Bastavales organizada polo Concello de Brión dentro do seu programa especial para conmemorar o Día de Rosalía. Unha visita realizada por actores da compañía “Os Quinquilláns” que, caracterizados como o campaneiro de Bastavales e a propia Rosalía, fixeron un percorrido pola vida e obra da poetisa galega, facendo especial fincapé no seu vínculo con Brión.

O alcalde de Brión, José Luís García, asistiu canda varios concelleiros do municipio a esta primeira sesión, da que salientou que “foi moi unha entretida e educativa maneira de achegar a figura de Rosalía aos veciños e veciñas de Brión”. Unha xornada que moitos comezaron ou remataron desfrutando do “Caldo da Gloria”, ofrecido polo bar BTV, emprazado a escasos metros da igrexa.

Visitas a Bastavales

As campás de Bastavales son as que marcan o inicio da visita, co tañir da segunda badalada das 17:00 horas. Nese momento, o antigo campaneiro de Bastavales recibe aos presentes no exterior da igrexa e os vai guiando no seu camiño: primeiro, pola historia da igrexa de Bastavales aderezada con simpáticas anécdotas da súa propia vida; segundo, guiando ao grupo ao encontro dunha Rosalía que comeza explicando a súa relación con Brión e o Val da Maía, para seguir recitando versos dos seus poemas.

De feito, un deses poemas é precisamente “Miña casiña, meu lar”, de onde sae a receita do “Caldo de Gloria” que esta fin de semana ofrecen en Brión catro establecementos (bar BTV, Hotel Casa Rosalía, Tapería Restaurante Kratos e Bar O Repouso). Unha iniciativa organizada pola Fundación Rosalía de Castro e os Concellos de Brión, Ames e Padrón. A visita conclúe cun alegato de Rosalía a prol das mulleres, respondendo aos ataques que recibira na súa época e animando ás presentes a facer realidade os seus desexos.

Esta foi a primeira das dez visitas teatralizadas que o Concello de Brión ten programadas ata o vindeiro mes de maio. Dúas delas terán como público os nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos (2 de marzo) e do IES Brión (20 de marzo), mentres que outras 5 xa están confirmadas para todos os sábados de maio, ás 17:00 horas, e o 17 de maio, Día das Letras Galegas. O Concello de Brión ten previsto organizar outras tres visitas máis en marzo e abril, cuxas datas serán anunciadas no seu momento xa que, ao tratarse dunha actividade ao aire libre, a súa realización está supeditada ao tempo.